Tuesday 17 de September de 2024

ADOS e o Concello agradecen a solidariedade da veciñanza na campaña especial de doazón de sangue, con 138 participantes


8 das persoas que se achegaron ata a unidade móbil doaron por primeira vez

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Concello de Carballo queremos agradecer a solidariedade que volveu a demostrar a veciñanza do noso concello coa excelente participación na campaña especial de doazón de sangue do mes de agosto, na que se acadaron 138 doazóns das 155 persoas que se achegaron ata a unidade móbil. Pero hai un dato máis positivo aínda, tal como destacan dende ADOS, porque houbo 8 doantes novos, unha cifra que cualifican coma “fantástica”.

Desde a Axencia fíxose un recoñecemento especial a todos os membros de Protección Civil de Carballo pola súa longa traxectoria de compromiso e altruísmo coas iniciativas destinadas a promover o solidario xesto da doazón de sangue.

O obxectivo deste 2024 é acadar a taxa de 40 doazóns por 1.000 habitantes, un obxectivo que está moito máis preto despois de chegar o ano pasado ás 38 doazóns por 1.000 habitantes, e, sobre todo, se conseguimos manter a alta participación nas campañas mensuais que nos quedan ata finais de ano.

No mes de setembro levarase a cabo outra campaña especial de tres días, así que, se non participaches na de agosto, tes unha nova oportunidade para amosar a túa solidariedade.